A cantina de Limiñón
A principios do século XX, facía tempo que na comarca de Chantada e limítrofes, a xente emigraba ao continente americano. Os destinos preferidos eran a illa de Cuba e Arxentina. Normalmente, os emigrantes que procedían de casas fortes, emigraban a Arxentina, e os máis desfavorecidos decantábanse por Cuba. Non era así en todos os casos, pero si na maioría. Había que buscarse a vida, e este era un bo recurso.
Nos anos vinte, a través dos semanarios La Voz del Agro e Vida Galega, chegaban fotos e noticias a Chantada, anunciando multitudinarios bailes na sala de festas A Tropicana (Cuba), comidas, falecementos e todo tipo de actos sociais levados a cabo polos galegos residentes no Novo Mundo. A xente recibía estas noticias con expectación. Non obstante, o contacto máis esperado tiña lugar cando a xente regresaba. Era o momento agardado. Esta imaxe que vedes, é a dun establecemento que conta unha desas historias de regreso, a nosa comarca.
Pero… contemos o conto.
Aló, polo ano 1940, Pedro e a súa dona chegan de Cuba, e instálanse nun bonito cruce de camiños, na zona de Limiñón. O matrimonio, que retorna con algúns cartos no peto, decide investir parte da riqueza que trae, nun ultramarinos que tamén era cantina; un establecemento que, en pouco tempo, vaise converter en local de subsistencia para moitas familias da zona. Alí podías mercar papel hixiénico, chocolate, café, xabón, patacas, sardiñas, filetes… todo o que poidades imaxinar. Non era coma o Gadis, pero case…
Pero como todo na vida, co paso dos anos, a tenda evoluciona e, faino, segundo vai cambiando de propietarios. Daquela, logo do Pedro e a súa dona, viñeron a Pili e o Blanco, que era camioneiro. Máis adiante, sobre os anos oitenta, fanse cargo do negocio a Liliana e o Xoaquín de Penasillás, -que son os que rexentan na actualidade a taberna do Peto, nesa mesma aldea de Penasillás… A día de hoxe, A Cantina de Limiñón, -nome polo que é coñecido o establecemento na actualidade- é propiedade dos irmáns José Antonio (máis coñecido por Chicho) e Daniel, que lle deron unha boa reforma ó local, respectando a súa fachada orixinal. Esta que aquí vedes, é unha reprodución da casa, e a cantina. Na parte de abaixo: bodega, cantina, e un alpendre onde facer a augardente. E na parte superior, a vivenda familiar.