A Chocolatería da Sra. Sabina
Alá polo 1900, nunha casa do centro da vila, na Rúa Leonardo Rodríguez, moi cerquiña xa da Plazuela, había un pequeno local no que artesanalmente se traballaba o cacao. Aínda que pouca xente se lembra del, este establecemento estaba rexentado pola señora Sabina; ela ocupábase da elaboración do chocolate coa axuda dos seus fillos, Pepe “O Chocolateiro” e Eduardo “O Revirao”, que deixaron o oficio dos seus pais para dedicarse ao café.
Dende as afastadas terras do outro continente chegaban as sementes do cacao á Coruña e, da gran cidade traíanas á nosa pequena vila, onde a Sra. Sabina se encargaba de traballalas.
O comezo deste proceso era o debullado, para o cal precisaban unha máquina que lles separaba a casca dos graos. Mais esta casca non se tiraba senón que se moía para posteriormente mesturala con auga e así obter chocolate bebíbel de baixa calidade.
O chocolate que realmente era máis apreciado era o que saía dos graos de cacao, en primeiro lugar machucados e, máis tarde, convertidos en po co metate. Esta ferramenta consistía en dúas pedras: unha curva , a cal se quentaba poñendo lume por baixo e sobre a que se botaban os graos machados e outra, con forma de rodillo. Ó pasar esta última pola primeira desfacía aínda máis os graos do prezado manxar.
Despois deste longo proceso, por unha parte vendíase o cacao e por outra as tabletas de chocolate. Para a elaboración destas, ao principio metíase o cacao nunha maquina da cal saía unha pasta para mais tarde traballalo na mesa e logo darlle forma nos moldes, quedando listas para empaquetar e poñer a venda.
Debido á subida dos aranceis fronteirizos mais o racionamento, esta como outras moitas chocolaterías tiveron que pechar, quedando así no esquecemento.