A malla na aira

Castellanos de Castilla,
tratade ben ós galegos;
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros.

Estes versos de Rosalía xa facían mención aos traballos que sufrían os nosos antepasados cando acudían á comunidade veciña para realizar as tarefas de recolleita de cereais. Baseándome neste fermoso e gráfico poema deseñamos a carroza que ante vostedes se amosa.

Comezamos polo principio, coma toda historia ben contada. Homes e mulleres, maiores e cativos golpean con bravura na malla da aira para conseguir separar o ben máis prezado, aquel que servía de alimento básico e materia prima en todas as casas. Palla e gran, alimento de bestas e comida de homes. Xa ven todos vostedes que os que máis e os que menos aprenden desde moi novos os labores do campo, cuns aparellos adaptados aos seus diminutos corpiños, a esas mans pequeneiras que xa amosan calos de tanto esforzo e axuda na casa.

De aquí sae tamén o cabeceiro, destacada construción que deleita moitas miradas dos alleos, daqueles que noutrora foron os nosos señores. E todo iso ocorre na aira, una aira do Val do Navego, pero tamén de calquera outra vila, parroquia ou aldea da tan querida Galicia de Rosalía, Curros ou Pondal.

Pegadiña a ela e, sen perder de vista os labores dos homes, unha vella engurrada -non polo paso do tempo, máis ben polos traballos pasados-, senta na azotea da casa, sen outra distracción que peneirar o gran que os nenos ledos lle achegan con risas e carreiras. Os ollos perdidos no horizonte, aqueles versos de Rosalía non saen da súa mente,

¡Castellanos de Castilla,
tedes corazón de aceiro,
alma coma as penas dura,
e sen entrañas o peito!

Resgardada polas gastadas tellas dunha casa empedrada, a vella coa peneira na man, non deixa as pernas quietas.