As lembranzas do meu avó Basilio como Alambiqueiro
Eu non teño moitos recordos do meu avó Basilio, pois apenas pasou tempo na casa na miña nenez. Pero si teño lembranzas do que me contaba cando se dedicaba a ser alambiqueiro. Meteuse no mundo da augardente no ano 1961, empezou cun só alambique mercado con cartos prestados. Fíxoo por necesidade, xa que terras tiña poucas, unha filla que criar, e era un oficio que lle gustaba e coñecía, pois xa o seu pai se dedicara a iso.
Empezou facendo a augardente para os veciños de Santiago D’arriba, na adega do Marcos, xa que el era nativo do lugar de Vilar do Mato. O pago era moi variado: cartos, unha parte da augardente, traballos nas terras ou produtos de colleitas.
Xa na década dos 70 ía a moitos sitios, empezou pola zona de Ourense, onde viu por primeira vez que era presar o bullo, e seguiu con parte da provincia de Pontevedra. No ano 75, grazas a una herdanza que recibiu a miña avoa Carmiña, puido mercar dous potes novos, que lle fixeron no Vinteún en Ourense e polos que pagou 200.000 pesetas por querelos pronto. Ese mesmo ano Jaime, un irmao dun veciño que tiña un bar en Coirós, levouno para que lle fixese a augardente, o que fixo que desde ese momento pasara moito tempo pola zona da Coruña, xa que de Coirós pasaba a Monte Salgueiro, e á Castellana ou Sada; e iso que moitas veces ía acompañado doutros alambiqueiros como o Antonio do Marolo, o Moure e o Ramón do Loro de Guxeba ou un tal Luís de Chantada.
Marchaba da casa en novembro e pasaba meses e meses sen tornar, e, cando o facía, era só por 3 ou 4 días. Algún ano ata a miña nai tivo que chamalo para que viñese pasar o día de Noiteboa coa familia. Separado dos seus e cun día a día moi precario, así era a súa vida. Sempre encerrado, durmía, comía e demais no banco de matar os porcos, a súa almofada era unha pouca palla, e as comidas do día dáballas o veciño que nesa hora tiña o bullo no alambique. Tiña moitas horas mortas despois de poñer no pote as vides, a palla, o viño e o bullo. Despois de colocar a trompa e a serpentina, facer un burato na terra e forralo polo lados con terróns e prender o lume, tiña que esperar a que saíra o vapor para poder selar con merda de vaca… e aínda quedaban por diante 7 ou 8 horas.