Lembranzas da casa de Suatorre
Un dos edificios históricos máis emblemáticos da comarca de Chantada, é a Casa de Suatorre. O pazo, emprazado no lugar de A Torre, parroquia de Arcos, -no seu día fortificado- vincúlase a cabaleiros de sona, coma Fenán Núñez de Temes, que tomou parte na conquista de Córdoba; antepasado do militar andaluz Gonzalo Fernández de Córdoba, máis coñecido co alcume de El Gran Capitán, quen, á súa vez, participou na ocupación do reino de Granada e as guerras de Italia en tempos dos Reis Católicos. No muro de entrada ó recinto e fachada lateral, aínda se poden ver os escudos heráldicos de nobres fidalgos da zona: Boán, Temes, Fernández, Novoa e Pardo… E tamén, unha data: 1582; que nos fala das súas orixes, que seguramente, son anteriores. O nome do pazo, alude á torre de Arcos, coa que garda unha estreita relación. Así, non é de estrañar que en 1917, o escritor chantadino José Costa Figueiras, ambientara o seu libro La sugestión de América, no entorno desta nobre edificación. Escribe Costa Figueiras:
“Presidía el paisaje la torre de Arcos, atalaya del Pazo de Ozores, señorialmente adusta, orgullosa de su corona de almenas, inmoble, rígida, esfinge depositaria de los secretos de un pasado de gloria.”
Así, a historia da Casa de Suatorre foi evolucionando. En 1922, José Rodríguez López, firma un convenio con Mantequilleiras leonesas, e monta unha industria en Arxeriz. A partir de 1942 é propietario de Arxeriz, Torre de Arcos, Pousada de Mariz, Casa de Suatorre,… e moitas outras propiedades. Oito anos máis tarde, en 1950, polo que conta a miña avoa Esther, ela e a súa irmá Blanca, foron traballar á Casa de Suatorre.
Esta que aquí vedes é a súa planta: vivenda na parte superior; e, no piso inferior, un espazo dedicado ó negocio familiar. Neses anos, mais ou menos vinte operarios eran os que traballaban alí, dedicándose á recollida, preparación e almacenamento de mazás. Así, na parte dianteira do piso inferior, podemos ver diferentes escenas de todo este proceso. O primeiro que se facía, -chegando os recolledores do agro- era poñer as mazás no almacén. O seguinte paso, consistía en seleccionalas e lavalas nunhas pías de pedra. Daquela, uns moldes propios, construídos a tal efecto, -ferramentas que amosamos- permitían elixir os tamaños adecuados. E logo, había que embalalas. As caixas, que tamén eran de madeira, facíanse cunha innovadora máquina de embalar, que era capaz por si mesma de facer esta parte do proceso e cun mínimo esforzo dos traballadores; cousa que se agradecía. O paso final, consistía en transportalas cara ó almacén; onde quedaban gardadas á espera da súa comercialización; que tiña lugar, as máis das veces, nun momento de grande escaseza do produto. Por outra banda, -aínda que non sempre- eran as mulleres as que seleccionaban as mazás -por tamaños- lavábanas, preparábanas, e, unha vez embaladas, levabanas ó almacén para a súa almacenaxe. Alí, resgardadas, repousaban, quietiñas e ordenadas, nesas caixas de madeira. Os homes, encargábanse principalmente de atender á máquina…; e todos, -homes e mulleres- estaban baixo as ordes dun primeiro encargado que se chamou Tio Lindo, e o seu substituto que atendía por Abelardo.
Pero, isto ocorría na parte inferior do pazo, na vivenda familiar a vida transcorría de vagar. As escenas que aquí vemos, reflicten estas dúas realidades: A vida!! -que segue pasando. Para a miña avoa Esther, o traballo das mazás durou once anos, de 1950 ó 12 de decembro de 1961, data en que marchou para a Casa de Pousada. O negocio estivo en actividade ata o ano 1977 aproximadamente. D. José da Lechería, morreu o día 20 de marzo de 2004, e no ano 2018, José Luis e Ramiro fanse coa propiedade. Deles son as máquinas que podedes ver neste carro; ferramentas dun negocio doutro tempo que teñen a intención de recuperar. Alédanos saber que a nobre e fidalga Casa de Suatorre aínda teña cousas que dicir.