Non hai pan para tanto chourizo
Como todos ben sabemos A todo porco lle chega o seu San Martiño e aínda que xa pasan uns días, a este cocho chegoulle o seu día.
Xa lonxe queda aquela primeira feira do mes de Febreiro no que fomos a comprar un pequeno leitón. Ao Pepe non lle entrou moito polo ollo xa que dicía que era pequeno. Pero a min pareceume perfecto… e carallo se o foi! Con cerca dos 200 kilos de porco!! Case non o deron agarrado para cravarlle o coitelo, e eu medo pasei collendo o sangue para as filloas, como rebulía o condenado! Aínda así, matar matámolo, abrímolo e vaia mollada collín cando baixamos ao regato a lavar as tripas, por non falar do frío que alí facía.
Como vos dicía, iso xa foi onte e o traballo ven hoxe. Menos mal que quedou unha boa noite de xeada e así de seguro que a carne arrefriou. Pero que estou escoitando… Non sabedes o traballo que toca hoxe? Non vos preocupedes que xa volo conto e prestade atención que non vos vou vivir sempre!!
O primeiro que vou facer é acender a lareira para ir facer facendo unhas brasiñas, que xa me coñezo eu a quen teño e van a querer probar as frebas polo medio da mañá…. Ai!, e que non se me esqueza pedirlle ao Pepe que me pique unha pouca leña antes de que empecen coa parta… E que lle axude algún dos pequenos que así tamén aprenden.
Agora si, xa chegaron todos e vamos a poñernos que, se non, logo se fai de noite. O Pepe e os rapaces que se poñan a partir o porco antes de nada. Voulle dicir que faga unhas costeletas e que me deixe un xamón ben preparado, que a Sabela moito lle gusta, e que non sexa ruín cos lacóns que, un cocido ben feito gústanos a todos. O resto que o prepare el ao seu gusto, pero sen se esquecer que nesta casa somos moito de chourizos!! Veña, ide picando a carne que así adiantamos traballo.
Mentres a ver se pelamos uns allos para a zorza e mando a alguén que lle de as pitas, esas non quero que me morran que son moi poñedoras. E así para a tarde xa non queda máis que amasar a zorza e facer os salchichóns. O fumeiro e o salgueiro xa os deixamos preparados o martes.
Que máis queredes que vos diga? Agora solo queda poñerse a traballar e xa veredes vos que fumeiro mais bonito nos queda.
Veña, voume poñer á faena, aínda que non sei se me expliquei moi ben que eu son parca en palabras. Igual é mellor que dentro duns días veñades a pola proba e xa vos diredes, pero iso si… Traede vos o resto que nesta casa NON HAI PAN PARA TANTO CHOURIZO!!