Obradoiro de pegadas

Non existe un camiño se non hai zapatos que o pisen, e non habería zapatos para pisar de non ser polos zapateiros.

Eses homes que tantos pés salvaron. Veciños e veciñas visitaban os seus fogares para comprar un novo par; ou remendar os vellos, que tan cómodos e bos saíran. Os zapateiros tiñan zapatos para todas as ocasións. Sendeiros e leiras, tabernas e prados, campos de festa e lareiras, establos e cortes… En todos os lares quedaran gravadas as pegadas dalgún zapato, que nalgún obradoiro fora cosido con coidado e disciplina por algún artesán.

Cando alguén lles encomendaba un novo par de zapatos, marcaban as medidas do pé do cliente en pezas de coiro, e aí comezaba o traballo.

O primeiro era esculpir ben a sola de madeira, con trencha e gubia para que quedara ben acaída á forma do pé.

Cando o artesán quedaba satisfeito coa sola, pasaba a traballar o coiro, tafilete ou boscal, previamente traballado, limpo, seco e estirado. Fiaba agulla con cánabo ben encerado, e con moito coidado ía unindo as pezas ata que quedara só un zapato ben rematado.

Con chatolas unen a pel arredor da sola de madeira, e xa só faltan os remates. Con unha subela fan os ollais, poñen os cordóns… e a andar!

Grazas zapateiros, por axudarnos a deixar a nosa pegada na terra!