Un día de laboura na aldea
Aquí traemos neste carro historias de traballo, que non de lecer. Moi duramente había que faenar todos os días naquelas terras protexidas, á vez que vixiadas, pola sombra do Monte Faro. Tanto se traballou nesta casa que os aforros deron para facer un hórreo que era o orgullo do lugar. Co seu peche infranqueable, coa súa cruz que fixo o mellor canteiro e co millo, chourizos, viño e salchichóns que se gardaban no seu interior…xunto con algún outro tesouro inconfesable.
Na aira, de diante do hórreo, mallábase no pan centeo que aínda se botaba pola contorna e separábase o gran da palla, como sempre se debe facer na vida. Sendo grande a familia cumpría moito cereal para encher tantas bocas e moita palla, tanto para o gando como para usar de cubrición as persoas. Tamén se mallaba no millo para ter gran que darlle ás pitas, coellos e cochos e para usar o carozo para prender o lume na casa. Ata había algún artista que coa folla facía cestos, sombreiros e outros aveños.
Duro era o traballo nos cortellos. Coa gallita, co rastrillo e coas mans núas e forzando o lombo, había que levar a palla, os toxos e os fentos para estrar a corte e que o gando da casa estivera quente e cómodo. E logo volver sacar aquela mestura de vexetal e excremento para estercar as leiras do centeo e do millo. O círculo da vida. E o que non estaba a traballar era porque estaba preparando o traballo: aguzando unha gadaña, facendo punta a unhas estacas ou o que fixera falta en cada intre.
Dentro da casa tampouco se paraba un segundo. As mulleres sempre andaban atarefadas preparando as comidas coas que repoñer as forzas perdidas no traballo. Pelando patacas, raiando nabos, amolecendo castañas, cortando touciño ou enchendo unha ola de viño de Nogueira. Tamén aproveitando e separando o que sobraba dos homes para dárllelo ós animais. E vixiando que todo estivera limpo e listo para ser usado. Sen esquecer estar atentas ás roupas de cama e de diario que se facían de liño e de lá da bisbarra.
Pero, como non todo pode ser traballar e, como para traballar hai que levar combustible no bandullo, no medio e no final da xornada toda a familia e veciños subían xantar ó comedor. Alí se acompañaba o pan segundo a época do ano: do que fora quedando da matanza do cocho, dalgunha pita vella ou pito novo, dun coello guisado, dunha empanada feita no forno da casa ou, nos anos de moita bonanza, dun año ou un cabrito polo día da festa. Tamén corría o viño: da cuba á xerra e da xerra ó vaso, como sempre se fixo.
Un tempo de moito traballo, de moita laboura. Cando aínda había xente nas aldeas e cando o esforzo daba os seus froitos. Cando todo saía da terra e todo a ela regresaba. Cando o labor do labrego dependía del e non dos de fóra. Cando da cidade só viñan cobrar, e non cobrar e molestar. Un tempo de loita e felicidade.