Un día de sementeira na xesteira

Fun esta noite ó muíño
cun ferrado de centeo
tanta foi a foliada
que trouxen ferrado e medio

Nas terras do Asma aínda se pode albiscar o marmurio das aixadas abrindo nos sucos para sementar… e no marmurio é onde mellor fala a historia. Houbo un tempo no que conseguir un molete de pan non era tan sinxelo como o é hogano. Era un quefacer que viña da man de moitas horas de traballo e de moitos meses de agarda: primeiro había que sementalo, despois había que recollelo e mallalo, sen esquecerse de levalo ao muíño para logo poder amasar e, á fin, cocelo.

Este proceso estaba ligado á terra, á natureza, ao traballo, ao amor -porque moitos romances nacían arredor do palleiro ou arredor do muíño- e por suposto, estaba tamén ligado á musica e a troula.

Dende tempos pasados o pan tivo unha importancia capital para o país constituíndo a base da nosa alimentación indo a súa elaboración xunguida á labranza do centeo e do millo.

O millo é a planta das zonas baixas e de media montaña, pola contra, o centeo atópase en todas as altitudes sendo o cultivo característico da montaña e das terras pobres. Nos derradeiros tempos nos que as nosas xentes sentiron a necesidade de intensificar as colleitas de gran, recorreron ao centeo, aumentando a sementeira en estivadas, ou sexa, rompendo o monte para adicalo ao cultivo.

Desta volta, mulleres e homes acoden á Xesteira logo de rozar e queimar o monte aló polo medio do verán. O fume da queima polo día e o seu fulgor pola noite son indicativos de que a terra esta sendo preparada para a sementeira e axiña se comeza a valar para sinalar os lindes.

O lume que noutrora alampaba ardendo nas borreas da roza é o vestixio das cinzas que serán espalladas na Xesteira. Mulleres e homes rompen o monte con aixadas, legóns ou picarañas meténdolle máis tarde o arado.