A malla
Chega o tempo da sega. É o mes de xullo e o campo está cuberto de cereais. A calor abafa de seu, polo que compre recolle-lo trigo e o centeo. A cuadrilla de segadores, todos veciños da parroquia, xa hay días que acordaron o traballo. A xornada comeza cedo, hai que aproveitar ben o día. Unha vez na faena, ségase á mantenta. Cóllese a palla coa man esquerda, córtase polo pe coa fouce e recóllese coa dereita. As presas cortadas e atadas, que levan o nome de mollos, quedan esparexidos pola leira para logo agruparse no que se coñece como un medeiro ou medoucho. Estrutura en forma cónica que se cubría con silvas ou herba, co aquel de que os paxaros non picasen as espigas ó descuberto. O medeiro quedaba durante quince ou vinte días á espera do seu traslado á eira, una superficie de granito, lousas, cemento ou terra, onde se levarían a cabo os labores da malla. Unha actividade que consiste en triturar as espigas para separar o gran da palla. Daquela, a eira, que podía ser comunitaria ou dun particular, limpa e preparada podía recibir ós malladores.
Compre saber que durante o século XX, en Galicia conviven diferentes tipos de mallas. A más tradicional é a que utiliza os mallos. Unha tecnoloxía procedente de Centroeuropa, que xurde nos séculos III-IV, e que consiste na unión articulada de un pao longo chamado mangueira, con outro corto que leva o nome de pértega, cos que os malladores golpean cereal. As máquinas malladoras, entran en Galicia na primeira década do século XX, sendo as más antigas manuais ou movidas por animais de tiro. A partir de 1.912, todas foron desprazadas por malladoras a motor. Tamén o prezo era diferente.
Esta que aquí vedes é una malla tradicional, a base de mallos, que ben pode lembrarnos as que se levaban a cabo na casa do Carral, Chanqueiro, Perlada ou Sementamillos, na parroquia de Centulle; ou unha malla comunitaria en calquera parroquia da comarca. A escea amosa como, trala sega, os mollos son esparexidos na eira, de dereita a esquerda, co cañoto cara dentro. Os malladores, cos mallos na man, sitúanse uns fronte ós outros en dúas ringleiras, comezando un rítmico e acompasado movemento. Mentres os dunha ringleira xostregan os da outra manteñen o seu trebello ergueito, en posición vertical, por enriba das súas cabezas esperando o próximo momento. O son escoitábase dende lugares moi afastados. A cada golpe, as espigas vanse debullando de grans.
Unha vez rematado o labor dos mallos, apártase a palla cunha galleta e as mulleres comezan a recoller o gran, que ven mesturado con arganas, abuxarda ou puxa, e outros trozos pequenos de palla, o que se deu en chamar o “pulpizo da palla”. Seguidamente, o gran recollido sobre unha saba posta sobre a eira e baixo o cereal, pasa a unha cesta quedando á espera para ó aventado, un procedemento de cribado que, utilizando unha corrente de aire, ceibará os grans das devanditas impurezas.
Aínda que hai varias maneiras e artiluxios para levar a cabo este labor, -pandeiro, zarandón, peneira… – na parte final do carro podemos ver un sistema de cribado que fai o aventado por medio dunha máquina. No seu interior, unha especie de turbina vai producir unha corrente de aire. O gran e a mestura do pulpizo van caendo a través de diferentes cribas, as cales separarán o gran da palla e das partículas que sobran. Daquela, o gran queda limpo, coma produto final. A malla estaría rematada. O seguinte paso sería poñelo nunha artesa á espera do seu traslado ó muiño, para obter a fariña que dará forma a tantos tipos de pan, empanadas, biscoitos… etc., tan presentes en tantas mesas da nosa comunidade.
Durante todo este proceso a festa, música, baile e o bo xantar acompañaban ós malladores. En palabras de Carmelo Lisón tolosana, un grande estudoso de Galicia: “Ás 8 da mañá daban un almorzo: xamón, chourizos e viño. Ás doce era o xantar. Matábase un cordeiro, cabra ou cabrito. Merendábase sobre as cinco da tarde chourizo, pan e viño (…) Pola noite outra cea moi forte: carne fresca, patacas, ovos, chourizos e grandes biscoitos…”. Comer, beber, traballar, mocear e troulear…. e sen moita televisión.