Deste queixo non me queixo

Este carro preséntanos a casa de Dona Emilia, afamada queixeira que nos tempos d´antes adeprendeu o seu oficio ás netas máis vellas. Na casa faise de todo: criar nenas e nenos, traballar as terras, preparar o xantar, arranxar os cuartos, sacar auga do pozo, atender os animais, coidar as árbores, botar a partida, limpar a palleira, cortar a leña e, nesta casa, ademais, facer queixos para vender na feira.
A queixeira mungue as vacas a man, cousa que por motivos evidentes non podemos escenificar neste carro, para conseguir o leite que deposita nun balde. O que si vemos na parte dianteira é como verte ese leite do balde ao pote, que se sitúa na lareira rondando as brasas. Cando o leite acada a temperatura axeitada vértese nel o cuajo, que se revolve a man.
Toca agora agardar que o leite cuaje! Ollade na parte central desta representación como dúas mulleres da casa fan dous traballos: primeiro collen presas de leite cuajado que amasan e botan para o molde de facer os queixos e despois apretan unha e outra vez a bóla de queixo para quitarlle todo o suero posible. Cando xa está ben apretadiño vólvese meter no molde para darlle a forma.
Finalmente, envólvese nun pano limpo de tela branca para poñelo a secar e madurar na queixería, onde se colocan en estantes que facilitan os cambios de pano que axudan no secado e maduración. Aínda que ás veces ven xente mercar os queixo á casa, a maior parte deles lévanse a Chantada para vender os días 5 e 21 de cada mes. De feito, vemos na parte final desta alegoría como se preparan os queixos para ser vendidos na feira: lávanse ben lavadiños e colócanse na cesta onde se han transportar.
Miñas donas, meus señores, non perdan a oportunidade de probar este queixo que hoxe aquí preparamos no Folión, feito con moito cariño, ao modo tradicional, sen velenos engadidos, nin moldes de plástico, nin cubas de aceiro inoxidable.
Leven pois un queixo! merquen tamén unha peza de pan na panadería do Campo da Feira, que enriba deste mesmo carro e por este mesmo lugar pasou hai 3 anos, e así: tanto o pan coma o queixo e tanto o queixo coma o pan, vouno comer se mo dan.