Praza do Mercado
Xa cantara o galo cando saían da casa a Segunda do Treso e Simón, que, coma cada ano polo vinte un de nadal, ían coas súas cestas cheas cara Chantada.
A Feira era moi especial nesas datas, xuntábase nela moita xente da bisbarra disposta a mercar todo aquelo que fora necesario para as celebracións que estaban a vir.
O camiño estreito e case a escuras que ía dende o lugar de Mosteiro ata a praza do Cantón facíase longo, as cestas unhas cheas de capóns e outras de coellos, pesaban o seu, pois Segunda e Simón ocupáronse de que os animais estiveran ben coidados para que luciran lustrosos na feira.
Cando xa se adiviñaba a vila, o traxín de persoas facíase mais intenso, os saúdos entre veciños mesturábanse facendo soar un himno propio das xentes das feiras, Segunda aproveitaba este último tramo do camiño para preguntar polo seu parente de Sabadelle que acababa de ter unha nena, a nena xa logo corre ! contestaron xuntos unha parella que coma eles tamén ían para a feira, levaban ovos das súas pitas, anacos de touciño e dous lacóns.
A silueta do campanario indicaba que xa estaban preto, xa se escoitaba rebulir á xente poñendo en orde os seu produtos, o cacarexo dos capóns sobresaía, as táboas forradas co palla cheas de queixos, os coellos coas patas atadas con fibelas acuruxados nos cestos, as cestas de ovos, os lacóns os chourizos facían da praza un gran escenario de vida.
As campás marcaban o ritmo do rebulir da praza, compradores e vendedores arremuíñanse diante dun titiriteiro que fai bailar uns monecos de trapo mentres soaba a muiñeira de Chantada, os ollos curiosos dos nenos que miraban as cestas dos animais como asombrados, xa logo era mediodía, tocaba xantar, como xa acordaran cos parentes de Carballedo, o polbo na feira era obrigado.
Os días pequenos de nadal non daban para moito, un pequeno paseo pola carreteira despois do xantar e volta para a casa, antes recoller os cestos xa baleiros que lles gardaran na bodega da Agustina.
Pouco a pouco o día esmorecía, no recordo o barullo da feira na praza. No camiño de volta Segunda e Simón camiñan amodiño, falaban alegres da súa feira, venderon todo e ben e ademais souberon da nena do seu parente, había que chegar para atender o gando xa pensando no cinco de Reis, como non na PRAZA DO MERCADO.