Un curso de bordado na reloxería Ángel
Corría o ano 1931 e Ánxel Albilares López, cuns poucos meses de vida, retornaba desde Cuba. A casualidade e a emigración fixeran que nacera nesa isla caribeña, e, daquela, a esas alturas do século a familia estaba de volta na comarca. Ós poucos de chegar a Chantada, seus pais fanse co Muíño do Seixo o que lles permite pensar nunha nova vida.
Pero a vida neses anos non é fácil. No ano 1936 comeza a guerra civil española, que remata en 1939 dando paso a unha longa e dura postguerra. E, Ánxel, coma un rapaz máis daquela época, adaptase á sociedade chantadina do momento. Primeiro estudia cos maestros da zona, e a idade de 15 ou 16 anos decide aprender un oficio con D. Manuel, que tiña una reloxería debaixo dos soportais. Foi así que, andado o tempo, Ánxel Albilares, o segundo fillo dos tres que tiveron Ánxel Albilares e Jesusa López, converteuse en reloxeiro.
En 1954, coma todo bo emprendedor, o novo reloxeiro abre o seu negocio nun baixo da actual Avenida de Ourense de Chantada. Faino, según fontes de confianza, con dous reloxos, dúas cadeas e… pouco máis. O local, ata ese momento propiedade dun home de Riopedroso, tiña ó seu carón un almacén de piensos rexentado por Emilio de Camba e Filomena Rodríguez, que viñan ser os pais de Lolita, Ramonita, Milucho e Maruxa; esta última era a muller do coñecido empresario chantadino Faustino Vilaseco. Agora todo iría sobre rodas -pensaría Ánxel Albilares. E así, dous anos máis tarde, casa en Chantada con Esther Varela Vázquez, una moza natural de Carballedo, que viña a ser sobriña de Isaura Vázquez Blanco, máis coñecida co alcume de Maruxa Villanueva, famosa cantante e artista galega que no seu día sería a guardesa da Casa Museo de Rosalía de Castro.
Un suceso inesperado vai marcar a partir de agora a vida dos chantadinos de metade do século XX, e, como non, tamén a da familia Albilares. Falamos da construción, entre 1957 e 1962, do embalse de Belesar, unha importante obra de enxeñería naqueles tempos que irrompe con forza na comarca. Aumenta a poboación e o nivel de renda, danse novas relaciones que removen as ancestrais estruturas sociais na zona e animan a novas posibilidades de negocio. Circunstancias que o reloxeiro ve con agrado e non quere desaproveitar.
Isto que aquí vedes é o resultado do espíritu emprendedor desta familia Chantadina a partir de 1957. O negocio prospera e convertese en reloxería, xoiería, platería, óptica, vendían bicicletas BH, motos da marca Lambreta, electrodomésticos FHILIPS, máquinas de coser… A imaxe que tedes diante amosa a fachada da reloxería cos seus escaparates e rótulos. No interior, a un lado o mostrador e ó outro un espazo cos diversos produtos ofertados. Na parte superior está a vivenda, construída en 1978. Mesmo fronte á porta principal vemos ás participantes nun curso de bordado que se utiliza como promoción das máquinas de coser da marca Alfa, moi apreciadas por aqueles anos. Un curso para mulleres, impartido na reloxería por Esther Varela, a muller do reloxeiro, coa colaboración de tres profesoras da propia marca enviadas desde Lugo. Era un curso gratuíto, que resultou ser unha boa promoción do produto, ó que asistiron numerosas alumnas. Unha vez rematado o curso, proporcionábase un diploma acreditativo. Vendéronse na comarca 101 máquinas con este procedemento.
Nun par de fotos que circulan por Chantada podemos ver un numeroso grupo de mulleres xoves coas súas máquinas ALFA, fronte a fachada da reloxería, como as que vemos aquí. Entre elas, distinguimos a Ilda Requeixo, Mª Luisa Miguel, Toña e Pachola, -fillas da Maruxa do Chis- Josefa Méndez, da casa Villardamos, as irmáns Luisa, Celsa Fina y Celia Fernández, do Seixo, a Marujita Iglesias, -profesora- Pilar, filla de Dona Hermitas, Dona Petra… entre outras. Todas elas, persoas coñecidas da sociedade chantadina daqueles anos.
2
Ó rematar os traballos en Belesar, a familia Albilares quíxose expandir a Ribadavia… pero esa xa é outra historia. Esta que aquí lles vimos de contar é parte do noso patrimonio chantadino, unha parte que merece ser lembrada polas futuras xeracións. A día de hoxe, a Reloxería Ángel, situada no mesmo lugar de sempre, segue sendo un negocio familiar.