Voda de ricos...felicidade para todos

Por fin, cunha idade xa pouco propicia, Dona Isabel de Muradelle casou na capela do San Antonio da súa parroquia cun prometido que chegou de Cuba a última hora con máis boas palabras que cartos no peto. Tan destacado evento tería que pasar aos anais pola súa magnificencia e, por unha vez na vida, a señora de mal carácter e peores feitos botou a casa pola ventá e convidou a todos os veciños da parroquia.
No templo todo foi luxo e fasto. As mellores galas nos noivos, o cura e os invitados; flores e luces a esgalla e ata fotógrafo traído de Lugo para inmortalizar o evento. Ata se mencionou o casoiro en El Progreso. O bispo ía oficiar pero a última hora escusou a súa presenza por unhas febres. Iso si , mandou no seu lugar o deán da catedral. Incluso viñeron músicos do lugar de Barrio, aínda que non se sabe se cobraron…
E o banquete non desmereceu a cerimonia. Daquela non había xeito de levar o marisco ata o pé do Faro pero o que se serviu aquel día no campo da festa de Muradelle foi digno dos ágapes do emperador Vitelio. Bacallau, empanadas, troitas, patacas novas, xarrete… din que se comeron enteiros tres porcos e dúas xatas. E na sobremesa non faltaron as rosquillas, o merengue e ata unha francesada chamada soufflé que tampouco é que triunfara moito. Do viño e augardente consumido non se tomou nota pero debeu de ser tan grande como o enfado da señora ao botar contas.
Tanto veciño non collía no campo da festa e os máis pudentes e distinguidos veciños foron acomodados na casona familiar, que tiña a mellor parra de Chantada. Naquela ilustre vivenda de tanta altura e lucido xardín degustaron manxares como o salpicón, o solomillo, o Rioja, o Chartreux e o flan de café. E todo iso ben preto da cociña onde unha ducia de mulleres non daba abasto para sacar tanto plato e tanto trago. Potas, tixolas e cazos non pararon en todo o día e a noite.
E, falando da noite, a cousa foi rematando co lanzamento de foguetes de palenque que puxeron fin á comilota para que non acabara empatando co almorzo. E, falando de foguetes, o leito nupcial agardaba a actuación dos noivos…
A cama con colchón de lá, sabas de liño e colcha de algodón onde Dona Isabel fora primeiro concibída e despois traída a este mundo foi o escenario elexido, obviamente, para mirar de perpetuar a e stirpe naquela noite de vodas. O espello traído de Madrid nunha viaxe da familia foi a única testemuña do que pasou na intimidade. Porque as tres tías solteiras da noiva que velaban tras da porta polo bo discurrir dese primeiro encontro non oíron grande cousa tanto polo barullo dos veciños como pola xordeira propia da súa idade. Ou, se cadra, polo anís consumido.
Agora haberá que agardar uns meses para coñecer o froito da noite desa voda que algúns din que foi por conveniencia. O que non din é para quen foi a comenencia…Pero o que está claro é que para os veciños foi unha data inesquecible porque nin contaban ver a señora casada nin que a festa fose de tanto dispendio. E por iso decidiron representala neste carro. Que viva o Folión!!!!