Carro: O Orgullo

«Nestas condicións é lóxico que o tradicional sexa, en gran
medida, asidero para a supervivencia; ao mesmo tempo que
rémora para un futuro máis dinámico.»
Celso Almuiña

O carro é o estandarte, sostén, escenario e saudade do Folión de Chantada. O carro dá nome ao Folión e ten unha presencia simbólica extraordinaria, tendo en conta que foi substituído progresivamente, dende os anos 1970, polas plataformas de ferro como soporte material utilizado para levantar a estrutura sobre a que se fai a representación no desfile. Aínda así, durante a última década participaron entre dúas e tres pandillas con carros do país, ademais de ter unha presencia notable noutros formatos (cartel anunciador, imaxes corporativas… ou rodas, chedeiros e xugos subidos nas estruturas), sen chegar, polo momento, a desaparecer definitivamente do Folión. Para Xavier Viana este é un asunto moi relevante na comprensión do Folión de Carros:

é significativo que despois de –cando menos– medio século da aparición no Folión de Carros das plataformas de ferro aínda continúen saíndo carros do país. (…) Se revisamos as incorporacións particulares que aconteceron nos últimos anos sobre este asunto encontramos algunhas respostas que aínda nos suscitan mais preguntas. Así, en 2017, uns días antes do Folión, Roberto Osorio Sementa decidiu que o “seu” carro Un dia de laboura na casa do crego –construído sobre plataforma de ferro– iría seguido por outro “carro do país cargado de toxo e tirado por unha xugada de vacas”, que se incorporaría na metade do itinerario, como de feito aconteceu; ao ano seguinte, en 2018, o carro Entre o millo –construído tamén sobre plataforma de ferro – transportaba enriba da plataforma un carro do país que “cargaron” parcialmente durante o desfile. Certamente, experiencias coma estas demostran que algúns protagonistas buscan adaptacións que dean resposta á realidade social de cada momento, como feitos indispensables para que a festa continúe existindo sen perder o que os carroceiros chaman “a esencia do Folión”. (1)

O debate é recorrente en Chantada, especialmente entre persoas que fixeron os seus carros nos anos 1990, como se demostrou na mesa redonda organizada sobre este tema no marco das II Xornadas do Folión de Carros, en xullo de 2018. Escribe Roi Fernández: “Que cantara o carro no Folión era tan importante como que funcionase todo o tinglado que ía sobre o carro do país no desfile”. Pola contra, Jesús Fernández, carroceiro durante anos nos 1960, 1970 e 1980, non ten dúbidas sobre isto, como afirmou claramente nas xornadas referidas: “se volvedes ao carro do país acabades co Folión”.

En calquera caso, o valor cultural que o carro ten para o Folión, aínda que só sexa como símbolo, mais que como obxecto, é recoñecido por José Antonio Quiroga, actual Director do Ecomuseo de Arxeriz, cando afirma no seu artigo O carro galego que::

Hoxe en dia a festa do Folión de Carros de Chantada consegue manter vivo un elemento único no sentir tradicional, o carro, aínda que neste caso adicado ao transporte de escenas de oficios tradicionais e de labouras agrícolas dun elevado cáracter etnográfico. (2)

Porque o carro ten un longo percorrido na vida tradicional labrega e unha forte presenza na memoria das persoas, xa que traballou sen descanso para carretar herba, toxo, patacas, esterco, leña, pedras, viño, terra… como apeiro imprescindible que facilitou as tarefas do campo. Como destaca o escultor Lomarti nun texto titulado O Carro:

O carro é a viva imaxe da supervivencia dun pobo que nunca quixo resignarse á hostilidade legada polas fames negras e as secuelas dunha guerra que arrastraba ao seu paso a alma dos lugares. Elemento recio e firme, saído das curtidas mans artesanais de carpinteiros e coa forte armadura da nosa natureza –carballo, ameneiro, bidueiro–, sempre dispostos contra as inclemencias e, as súas rodas encintadas na forza dos ferreiros, farían de Galicia un mapa topográfico escrito polo seu cantar. (3)

Por este motivo, a súa presenza na tradición oral esténdese por boa parte das parroquias galegas, estando amplamente documentada. Sirva de mostra a seguinte copla:

Se queres que o carro cante
mételle o eixe no rio,
despois co eixe mollado,
canta como un asubío

Do mesmo xeito, as referencias ao carro na literatura asinada por autores de Chantada tamén é significativa, destacando o poema O carro escrito por Xilberto de San Pedro en xullo de 1967:

Non sei se canta ou se chora,
soio sei que di que leva
na melancunía doce
do chilro do eixo a verba
dunha lembranza, saudades
dunha Galicia galega,
sober da que il somentou,
e fixo medrar ca rega
do seu sudor, o xermolo
dunha Galicia moderna,
desvencellada de xugos,
de escolás estatás cheia.
Sonoento, vello, encrenque,
pexado do asma e do reuma,
todo ainegazón e xenio,

todo voluntade e pacencia,
no derradeiro viaxe
reventando vai, que leva,
co fuso do fiadeiro,
ca rebuldicia da sega,
co folgo do aturuxo,
a pelica da pandeira,
o grigrileio da gaita
i-o aire da muiñeira.
I-aló, no carozo mesmo
da sua coita segreda,
gardado pra il, pra tomba,
xunto on cruceiro de pedra,
leva o eco do alalá
pra se enterrar co il nela. (4)

Neste mesmo campo de estudo, a filóloga Tania Vázquez aborda a importancia que ten a presenza do carro no Folión e a súa relación coa literatura galega nos seguintes termos:

o Folión non tería sentido sen os carros tradicionais tirados por vacas rubias ou “vacas do país”. É por isto que debemos lembrar o poema de Manuel María titulado O Carro, ben coñecido polas diferentes versións musicadas que lle deron popularidade: (5)

Non canta na Chá ninguén.
Por eso meu carro canta.
Canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta
Non hai canto tan fermoso:
fino como un asubío.
Anque é, ás vegadas, saudoso,
faise, no ar, rechouchío.

O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.
¡Que fermosa a súa feitura!
¡Que lixeireza a do eixo!
As cousas vanse aledando
por onde o meu carro pasa.
¡Carrétame herba pró gando!
¡Traime a colleita pra casa! (6)

Fontes bibliográficas

(1) Xavier Viana Álvarez, “Que é o Folión de Carros?”, en Folión de Carros, 2019, páxs. 8-9
(2) José Antonio Quiroga Díaz, “O Carro galego”, en Folión de Carros, 2019, páx. 32
(3) Lomarti, “O carro”, en Folión de Carros, 2018, páx. 26
(4) Gilberto Fernández López, “O carro”, en Fiestas de Chantada, 1967, páx. 29
(5) Tania Vázquez García, “O carro na literatura galega e o Folión”, en Folión de Carros, 2019, páx. 26
(6) Manuel María, “O carro”, en Terra Chá, 1972, páx. 91