Carroceiros/as: A Alma

«O dia do Folión para nós é o dia de Chantada, é o dia dos carroceiros,
é dicir, ese dia os carroceiros sempre teñen algo aí… é o noso dia!»
Segundo Navaza

Os carroceiros/as recuperan o pasado durante o Folión coa súa vestimenta e representación durante o desfile. Pero esa capacidade para continuar configurando a nosa cultura, reproducindo aquelo que facían os nosos pais, nais, avós, avoas, bisavós, bisavoas… o dia do Folión, apréndese desde pequenos. Son moitos os nenos e nenas que forman parte, dun xeito ou doutro, do Folión de Carros. Esta transmisión xeracional permite salvagardar os valores da celebración, como explica Manuel J. Vázquez Regal Pica, actual Presidente da Asociación Amigos do Folión, a partir da súa experiencia persoal:

Tiven a sorte de nacer e vivir a miña infancia nun barrio tremendamente carroceiro (…). Eran os barrios, as zonas do extrarradio de Chantada, as zonas do Convento, de Zaquín… as parroquias, as aldeas, as que tiñan moita tradición no que é a elaboración dos carros. Cando tiña sobre 14 ou 15 anos no meu barrio de Zaquín, como todas as pandillas, xuntabámonos nos meses de verán, en xullo e agosto, e xa empezabamos a idear o que era formar parte da carroza. (1))

ou Segundo Navaza, tamén a partir das lembranzas dos seus inicios:

Empecei de pequeno, eu vía que meu pai xa me metía en calquera carroza dos amigos, ou das que facía il… e vaste involucrando e aprendendo pouco a pouco. Despois vas crecendo e xa vas entrando en pandillas, con grupos de amigos… (2)

A vestimenta utilizada polos/as carroceiros/as enriba do carro está relacionada con aquel personaxe ou escena que están representando. Se o motivo é un oficio van vestidos de panadeiros, ferreiros, pedreiros, etc…; se o motivo é un traballo no agro visten roupas para a malla, sementeira, esfolla, etc…; se o motivo é unha celebración festiva pois roupas de romeiros… e así sucesivamente con calquera tema que apareza no Folión.

Aínda así, como roupas estándar, con uso moi estendido entre os carroceiros, pódese ver ás mulleres vestidas con camisa de manga longa, e sobre esta un pano negro ou de cor, con refaixo ou saia na parte inferior do corpo, cuberta (ou non) pola faltriqueira. O refaixo e a saia son de cor clara nas mozas novas e escura nas mulleres de mais idade, aínda que é frecuente tamén que as mozas novas vistan saias escuras como as vellas de antano. Levan medias ou calcetíns e calzan zocas ou zapato escuro. Para cubrir o pelo usan pañoleta de cores ou escuro, que levan atada, na inmensa maioría, por baixo da punta que queda para atrás, aínda que algunhas por comodidade o atan por riba desta parte traseira.

Os homes visten un traxe sinxelo, composto por camisa de liño abotoada nos puños, chaleco de pano negro, pantalón negro de pano ou marrón de pana, calzados con zocos ou zapatos negros. Acompañando o traxe levan gorra ou boina.

Debemos ter en conta que o uso deste tipo de traxe, tanto en homes como en mulleres, é reflexo fotográfico dunha época moi concreta, pero que non se corresponde estritamente ás diferentes e variables formas de vestir que tiveron os nosos avós e bisavós. O propio Xaquín Lorenzo a propósito deste asunto fala en Os oficios de “que se trata do traxe empregado durante un determiñado tempo, recente polo demáis, e que nin se usóu denantes nin despóis”, referíndose ao “traxe galego” que describe, e que ten relativa similitude co que se ven utilizando no Folión de Carros durante os últimos anos.

Por outra banda, os carroceiros senten con honra o status de “ser carroceiro”, ser parte do Folión, mentres participan no desfile. De feito, é frecuente a presenza de nenos e nenas figurando nalgún dos carros despois da solicitude de pais, nais ou avós, entusiasmados porque “o pequeno suba no carro” ou “porque a pequena vaia no Folión”. Ademais, as persoas que teñen un vínculo afectivo co motivo representado nun carro experimentan un sentimento especial, que dura moito tempo, senón para sempre; como tamén lle acontece ás persoas ou casas que prestan apeiros ou obxectos aos carros do Folión. Rafa Lobelle, que lembra con moito cariño o ano (2012) que foi no carro A romaría do Corpo Santo, escribe sobre isto en O ano que cumprín co Folión:

Eu sentín que cumprín o ano que participei cun grupo de boas e xenerosas xentes na representación dun carro do país sobre a romaría do Corpo Santo, tradición centenaria e compartida propia das nosas parroquias de Santa Uxía e Santa Cruz de Viana. O orgullo foi moito. Pasear polas rúas de Chantada a nosa memoria parroquial foi dunha intensidade emocional difícil de describir; as vacas tirando aquel carro coa igrexiña enriba, o fermoso retablo reproducido fielmente, o arco de carqueixas detrás carrexado ao lombo como se fose un maio andante, logo a procesión de fieis coas vendedoras do pan, os exvotos e os romeiros en algarabía… Orgullo e emoción. Lembro as caras dos veciños e veciñas mais vellos das nosas parroquias. Cumprimos. O Folión chamounos á mesa da irmandade. Reconciliounos máis se cabe. Xente que nunca acudira á romaría do Corpo Santo participou da representación e compartiu un anaco da nosa humilde tradición. Así de grande é o Folión. (3)

Cando o desfile remata os carroceiros e carroceiras continúan coa festa polos bares, rúas e prazas da vila, coa roupaxe propia do Folión e o entusiasmo de quen está de troula despois de sentirse actor principal ante toda a comunidade e ante todos os visitantes que ese dia nos acompañan.

E cando pasa o dia, todo desaparece novamente no territorio, gardándose os elementos materiais nas casas, e as emocións na mente de quen o viviu. Para Manuel J. Vázquez Regal Pica o traballo de carroceiro é agradecido:

“ao pasar ese dia quédaste co bon, coa gratificación da xente… e tamén coa xente que vén de fora, que fai vinte anos ou mais que non vén e dice: “pois mira, eso era como cando eramos pequenos e o viamos”, e ves que a xente incluso chora. (4)

Os carroceiros organízanse arredor de unha ou varias persoas mais expertas, en torno ás cales se articulan as pandillas, que son as que ocupan todo o protagonismo no deseño e construción de cada un dos carros. As pandillas son moi heteroxéneas e diversas, formadas por persoas da mesma idade, formadas por persoas con vínculos veciñais, formadas por adultos que aglutinan familias con crianzas, formadas por grupos de amigos, pero mantendo todas elas unha relativa continuidade co paso dos anos.

Así, para agradecer o traballo das persoas mais expertas e comprometidas, o Folión decidiu dende o ano 2019 outorgar con carácter esporádico un galardón de Mestre Carroceiro, que foi concedido nesta primeira ocasión a José Manuel González Blanco Carpin. Este galardón é asignado a persoas que continúen facendo carro na actualidade e teñan unha traxectoria exemplar e prolongada de participación no Folión de Carros, sendo recoñecidos como carroceiros con capacidade para formar a outros moitos.

Porque en Chantada todas e todos somos o Folión. E as carroceiras e carroceiros gardas deste prezado tesouro.

Fontes bibliográficas

(1) Manuel J. Vázquez Regal, “Folión de Carros de Chantada”, en Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo, 2017, min. 4´56´´
(2) Segundo Navaza Blanco, “Folión de Carros de Chantada”, en Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo, 2017, min. 6´03´´
(3) Rafael Lobelle González, “O ano que cumprín co Folión”, en Folión de Carros, 2019, páx. 20
(4) Manuel J. Vázquez Regal, op. cit. , min. 9´38´´