Festa: O Desfile
«Esa maxia que xenera que te xuntes en pandilla unha vez o
ano para construír algo común e conseguir que o Folión vaia
adiante, pois é moi grande.»
Alfredo Pardo
O Folión de Carros é unha celebración que mostra a memoria colectiva de toda unha comunidade, tendo no desfile de cada ano a súa máxima intensidade cerimonial. Os carros participantes en cada edición saen da Praza da Costaña e percorren en ambiente festivo, pola orde asignada previamente, as Prazas de Catro Camiños, Rúa Mariano Cedrón e Avenida de Monforte, para rematar na Praza de Galicia.
O desfile comeza coa chegada das xugadas aos carros, que quince minutos antes das once da noite camiñan cos gandeiros dende o espazo habilitado para elas na Avenida de Monforte ata o lugar de saída do Folión. Nese momento, engánchanse o xugo e a cabezalla coa chavella e aparece a música da Banda Municipal de Gaitas de Chantada e da Agrupación Os Barrios e Gaiteiros Tradicionais da Escola de Música de Chantada, que abrirán o Folión. Cando gaitas, tamboriles e bombos completaron o traxecto emprenden o camiño os carros: primeiro o carro número 1, logo o carro número 2, e así sucesivamente ata completar o total dos carros participantes. Entre cada un deles hai espazo suficiente para que o público poida desfrutar da festa e descubrir os apeiros e demais bens tradicionais que exhiben os carros, tanto en forma de réplicas como orixinais prestados das casas.)
Finalmente, un palco no que se encontra unha parte do xurado, directivos da Asociación Amigos do Folión e representantes de entidades colaboradoras, sirve de referencia para unha última parada na que se representa por última vez o motivo do carro, entre música, alegría e faenas que nos fan lembrar os tempos antigos.
Sen embargo, esta singularidade do Folión de Carros non é exclusiva de Chantada. A presenciado carro, das vacas ou dunha escenificación cargada de simbolismo sobrevive aínda, a dia de hoxe, en diferentes lugares: Desfile de Carretas, en Reinosa; Carros Engalanados, en León; Carro Enfeitado, en Lubián; Desfile de Carros, en Toro; e os Cortejos Etnográficos que se celebran en Portugal: Viana do Castelo, Ponte de Lima, Vila Praia de Âncora, Braga, Cabeceiras de Basto ou Monção. Como é lóxico, as características e aspectos formais de cada unha destas manifestacións culturais son diversas, pero todas elas teñen un grande significado para as comunidades locais que as organizan e viven activamente.
É mais, Alfredo Pardo acredita que o propio Folión ten aparecido polas rúas da vila de Chantada noutras datas:
como o Folión de Carros en Chantada o 18 de xuño de 1881 en honra a San Antonio de Padua, “simbolizando as distintas industrias do país”, executado, quizais, porque nos deu a real gana. (1)
Con todo, o atractivo do desfile vai moito mais alá do seu interese histórico. É un acontecemento social que exerce de mediador entre o presente, cargado de incertezas e novas tecnoloxías dixitalizadas, e a tradición, que nos aporta sosego e seguridade. A esta realidade achega Alfredo Valín algúns datos recollidos na súa investigación sobre o Folión de Carros:
Porque non estamos a falar dunha telleira, zapatería, cantina, malla, muíño… etc., falamos da telleira do San Lucas, a zapatería do Xesús, a cantina do Zaramelo, o muíño do Solar, a ferrería de Seoane… Persoas, lugares, espazos e acontecementos concretos, recoñecibles polos presentes do lugar, que, escenificados o mais fielmente posible, a noite do Folión, pasarán a formar parte da memoria colectiva da comarca. (2)
Por isto, a memoria explicativa elaborada por cada pandilla adquire unha relevancia especial. O texto permite principalmente dúas cousas: contribúe a identificar claramente a imaxe que se pretendía amosar e fixa nos arquivos as lembranzas e testemuños recollidos polos carroceiros. Sirvan de exemplo estes fragmentos:
Carro nº4: A panadería do Campo da Feira: (2019)
Donas e cabaleiros: como vostedes poden ver, neste carro represéntase a Panadería do Quirrín, a do Campo da Feira, que lembrarán aberta ata ben entrada a década de 1970. O primeiro que se observa é o mostrador, atendido por Carmucha, herdeira xunto co seu home Gilberto da panadería aberta polos seus pais Manolo e Manuela no 1947. Por riba do mostrador están varias empanadas de carne feitas por encarga, e nos estantes traseiros recoñecerán os chuscos, as barras e as pezas de medio quilo, quilo, quilo e medio e dous quilos, hoxe abundantes por ser dia de feira.
Carro nº5: A Cantina de Limiñón: (2019)
Na outra escena, na parte dianteira, vemos ao Blanco de San Vicente, facendo as súas argalladas para sacar do pote algún litro de máis, co que logo facer os seus propios licores: licores que Dona Pilar vendía, co resto de produtos da tenda. Tamén vemos ó fillo, achegándose ó almacén das cubas, por unha xerra de viño, aproveitando o momento para tomar un grolo dese caldo tan saboroso.
Carro nº2: As lembranzas do meu avó Basilio como alambiqueiro: (2019)
Empezou facendo a augardente para os veciños de Santiago D’arriba, na adega do Marcos, xa que el era nativo do lugar de Vilar do Mato. O pago era moi variado: cartos, unha parte da augardente, traballos nas terras ou produtos de colleitas.
Carro nº6: Os ferradores: (2018)
Tivo tres fillos: Manuel, Modesto e Pelos, que aprenderon a ferrar axudándolle ao pai. Acudían ás feiras máis importantes, tales como Trasouteiro, Pensillás e Castro, entre outras. Os veciños da comarca ían cos seus animais para ferralos e alí agardaban os fillos do Crisanto que se desprazaban en bicicleta coas súas ferramentas, incluíndo a bigornia.
Carro nº13: A barbaría do Pirinolas: (2017)
A barbaría tiña dúas sillas para o servizo, unha era de madeira e a outra de porcelana que, segundo o interese do cliente usaría unha ou outra porque había señoritos que só sentaban o cu en porcelana.
Carro nº2: Emilio de Sernande, un fotógrafo para Chantada: (2013)
Son numerosas as casas de Chantada que dende os anos 1930 conviven con retratos feitos polo fotógrafo Emilio F. García, Emilio de Sernande. O seu estudio estaba no número 11 da rúa do Comercio. Emilio rexentaba unha tenda de ultramarinos que ocupaba o baixo da casa, tendo no segundo andar unha sala para tirar fotos a todas cantas persoas o desexaran.
Carro nº13: O baile das velas: (2011)
Os mozos e mozas de Chantada logo deron en argallar o “baile das velas”: a xuntanza dos casadeiros para bailar e cantar con claro obxectivo petrinal. A gaita e a pandeireta eran os instrumentos indispensables naquelas troulas. E eran os propios artesáns da aldea quen daban forma ao ferro e á madeira para convertelos en foles, ferrañes, roncos, sopretes ou punteiros dos que despois saían as mellores notas. E, entre gaita e pandeireta os homes atopaban un intre para subir á cociña e dar conta dun pouco queixo, chourizo ou touciño ao pé do morillo e na compaña das mulleres máis vellas.
Carro nº3: O nacemento da muiñeira de Chantada na taberna dos Ferraias: (2008)
Todos lembramos a taberna do Ferraias en Outeiro de Mariz, e algúns ata lembramos ao Sr. Teodoro, irmán do compositor da muiñeira de Chantada. Na súa tenda había de todo canto puidera precisar unha casa, tanto de ferretería coma de alimentación, e tamén tiña estanco. Pero o producto estrela, o reclamo principal, o verdadeiramente saboroso, era o licor café. Tamén había bo viño dos Maniños, na desembocadura do Lama, fronte ao Castro Candaz.
Carro nº9: A alvariza de Meixide: (1995)
Na alegoría deste carro, ademais dunha alvariza tradicional, abrigada do norte e dos ventos do Faro, séguese todo o proceso artesanal que vai dende a construcción dos cortizos ata a fabricación de velas.
O desfile polo tanto integra as persoas, os animais, a festa, as lembranzas e as palabras que se len o final, textualizando todo canto se representa nos carros. Así é que o Folión, transitando polas rúas de Chantada, en todo o seu conxunto e esplendor, facilita a comprensión diso que chamamos cultura.
Fontes bibliográficas
(1) Alfredo Pardo Hermida, “Rodade, rodade, malditos”, en Folión de Carros, 2019, páx. 7
(2) Alfredo Valín Méndez, “Festa e cerimonia no Folión de Carros de Chantada”, en Folión de Carros, 2019, páx. 11