A feira na zona vella de Chantada
Acabado de construír o Encoro de Belesar, chegou a vivir ó noso lugar D. Felipe, un técnico electricista chegado da Coruña. Nun principio apenas se relacionou cos veciños, pero iso mudou cando os meus pais o convidaron a ir con eles á feira a Chantada. Foi polo 21 de agosto, primeiro foron á feira do gando no campo da feira, hoxe de nome Eloísa Rivadulla, mais como a miña nai tiña unha carta que enviar, logo baixaron á zona vella. Unha vez alí, os soportais da rúa Calvo Sotelo, coñecida nestas datas por rúa do Comercio, embelesaron ó electricista, sobre todo ó chegar á altura de onde estaba a reloxería D: Manuel, onde a xente mercaba e vendía toda clase de hortalizas, legumes, froitas… Había cestos con pementos ,tomates, xudías, patacas, allos, cebolas, béveras…
¿Compramos unos tomatitos? Y, ¿unos pimientos o judías?, non paraba de falar, iso si, en castelán. Todo lle chamaba a atención, o meu pai ata chegou a pensar que se a barbería do Salustiano estivera aberta entraría a cortar o pelo. No final dos soportais estaba estreada a recente caixa de Correos, a cal facía dúas funcións: recoller as cartas e ser punto de encontro.
Xa na praza do Cantón estaba a venta de queixos e ovos, que creo lembrar, eran da zona de Antas e Palas, e as monfortinas, dúas mulleres que viñan de Monforte nas feiras daquela época vender sardiñas e xurelos, as cales non tiñan moi boa relación; facían que a trasfega de xente fora maior , e entre toda ela D. Xosé e a súa sotana, quen coa desculpa de que acababa de saír da igrexa, andaba na procura dunha alma caritativa que lle regalara algo, pois el mercar non mercaba nada.
Pero o mellor estaba por chegar, foi cando pararon no posto de venta de pitos e coellos. Alí D. Felipe quedou prendido da moza morena que estaba a vender, ata mercou unha pita e non tiña galiñeiro! E así empezou todo. O noso novo veciño xa nunca máis perdeu unha feira, e todos os 5 e 21 de cada mes ademais de mercar viandas na zona vella e o seu queixo no Cantón, visitaba aquela moza morena nos postos de venta de gando pequeno para poder facer o seu cortexo.