O batán de Esmeriz

Seguindo o río Comezo cara a Serra do Faro, na parroquia de Esmeriz, aínda podemos atopar o que outrora foi un vello batán. Rodeado nese tramo por varios muíños, aínda seguen en pé as paredes daquel singular lugar, no que, ata case a metade do pasado século, foi onde a xente da zona levaba a entupir as pezas que saíran do tear.
O batán, era unha pequena construción de pedra, similar á dun muíño, pero que no seu interior tiña unha estrutura de madeira do que destacaba unha roda sobre a que, con forza, ía caendo a auga e movía un gran eixo, tamén de madeira. Do eixo, sobresían unhas aspas que, de forma alternativa, levantaban unha especie de grandes martelos de madeira, chamados mallos, que ao caer, batían os tecidos que estaban pausados nunha pía. Mantendo sempre mollados estes tecidos deixábanse horas, incluso días, para que as grandes pezas de teas bastas foran tupindo e se fixeran máis finas. Aínda que o máis común era levar as mantas, ao batán tamén podían ir outras pezas de roupa para darlle certa impermeabilidade.
Pero, o batán, so era o final dun laborioso traballo que comezaba moito tempo atrás coa rapa das ovellas. Todo este longo proceso comezaba antes do verán cando se rapaban as ovellas para obter a lá. Esta, amontoábase en dúas moreas segundo a súa cor para primeiro escaldala con auga fervendo e unha vez que xa estaba seca levala a lavar ao río. Unha vez que estaba lista, o primeiro paso para poder traballala era escarpizala, este traballo íase facendo nos ratos libres que tiñan as mulleres e así, unha vez que estaba esponxosa, pasábase a cardala. Coa lá xa preparada para fiar, colocábase unha pouca na roca e coa axuda do fuso convertíase en fío, as mulleres, con moito xeito, ían sacando de a pouquiño a lá da roca coa mao esquerda, sempre cos dedos ben húmidos, e coa dereita enroscábana e pasábana para o fuso. Unha vez o fío estaba listo no fuso levábana ao sarillo para desenredar e facer as madeixas que a continuación se colocaban na debanadoira, ou nos brazos dalgún home disposto a axudar, para facer os novelos. Listo o noso fío, tocáballe o turno ao tear, preparábase a canela, urdíase o fío e as mulleres comezaban a tecer, como o tear non era moi ancho, cando se confeccionaban pezas grandes, tiñan que facerse panos separados que despois se cosían. Normalmente para facer unha manta empregábanse tres tiras.
Agora si, unha vez rematada a manta, xa estaba lista para levar ao batán, dando por finalizado todo este proceso e obtendo como recompensa a peza que lles ía dar acubillo durante o frío inverno.