O Folión: Orixe e significado

«Somos avogosos do Folión porque sabemos que o Folión cura,
que nos reconcilia e aperta baixo os seus brazos centenarios.
Que asubíe pois o carro novamente! Longa vida.»
Rafa Lobelle

O Folión de Carros é unha manifestación cultural cun indubidable valor etnográfico que se celebra todos os anos en Chantada durante a noite anterior ao cuarto domingo de agosto, coincidindo coa festa patronal.

Carros adornados por “pandillas de amigos e amigas” desfilan polas rúas da vila representando imaxes existentes na memoria colectiva, que permiten exaltar a unión comunitaria e continuar configurando a súa cultura.

A orixe do Folión de Chantada é descoñecida, pero os elementos rituais que se foron integrando co paso dos anos –e continúan a integrarse en cada edición– permítennos desfrutar dunha festa con grande interese antropolóxico. A literatura feita ata o de agora sobre o Folión referíase á súa orixe gremial, como deixou escrito Antonio Costa Clavell no 1923:

Las polícromas farolas de papel iluminan toscas carrozas representativas de los gremios. Atavíase cada carro de forma que se convierte en la alegoría de un oficio. Así los herreros simulan en la comparsa que forjan férreos enseres en un yunque; los zapateros parece que se esmeran en la confección de sus útiles labores de obra prima; los panaderos aparentan consagrarse a la proficua tarea de amasar los lévedos… Todos los oficios van representados en la caravana. Cada carro equivale a la semblanza de una profesión. (1)

ou como expón Ánxel Gómez Montero no 1991 cando se refire ás festas patronais de Chantada, facendo referencia a un documento do que non existe copia coñecida:

Estas fiestas, desde épocas inmemoriales son famosas, y en su programa, impreso en una imprenta orensana del año 1839, nos habla ya del tradicional Folión de Carros, una originalísima representación gremial de todos los quehaceres de la villa: carpinteros, hojalateros, zapateros, tejedoras, zuequeros, molineros, panaderas, sulfatadores, etc. (2)

Sen embargo, esta certeza gremial é cuestionada na actualidade por diferentes escritores e investigadores locais. Neste sentido, se expresa por exemplo Ramón Rodríguez Porto nun texto do ano 2018 publicado pola Asociación Amigos do Folión:

Por tratarse dunha ancestral tradición popular, quixera suliñar que non se pode determinar a orixe do noso Folión coa gratuidade que en ocasións se ten feito. (3)

ou nesta mesma liña o antropólogo Xavier Viana, actual directivo da Asociación, quen sinala:

O feito de identificar o Folión de Carros de Chantada como unha celebración de ascendencia gremial ou relacionada cunha festa relixiosa –de “véspera” chegou a afirmar algún autor– ten polo menos tres problemas epistemolóxicos: 1) aplícase unha categoría historiográfica sen documentación que o acredite; 2) a inmensa maioría dos rituais seculares ten orixe descoñecida, e non existe a posibilidade de poder saber as súas formas iniciais e como evolucionaron ata a actualidade; 3) nos relatos e crónicas históricas pásase por alto a percepción e parecer dos actores principais: carroceiros e carroceiras, que nin sequera se sabe quen eran nin a que se dedicaban.
(…) Se escollemos, por exemplo, o ano 1993 identificamos motivos variados: oficios (“Os cereiros de Rolle”), actividades colectivas (“A malla do pan”), relacións humanas co medio (“Do bullo o bandullo”), identificación de lugares sagrados (”O 8 de setembro todos o Faro”), importancia da alimentación (”O polvo no pendello”), entre outras categorías que transcenden aos “gremios”. E acontece o mesmo con calquera ano do que temos testemuñas ou rexistro documental. (4)

Por iso, temos a certeza que o Folión de Carros non sempre foi igual. Como calquera outro ritual adaptouse á realidade social de cada momento, integrando valores e sentimentos propios de cada contexto histórico ata chegar a ser como o coñecemos agora, mantendo sempre, iso si, un espírito con marcado carácter festivo. O cineasta Alfredo Pardo fálanos sobre algúns dos cambios que sufriu o Folión no século XX:

está rexistrado, hai documentación, no ano 1933, nesas festas houbo unhas carrozas monotemáticas, que dedicaron, por exemplo, á guitarra: facían unha guitarra moi grande, disfrazábanse de andaluzas… eran cousas así. E eso foi evolucionando un pouco mais e despois da guerra civil, nos anos 40 e 50, cando empezou outra vez a funcionar xa se foi recuperando nos carros a arte gremial, dos comercios, dos antigos oficios… ata hoxe. (5)

Así pois, entendemos o Folión como unha emoción compartida por centos de persoas, de todas as idades, que vendo pasar os carros se identifican coas escenas que se están a representar, evocando tempos pasados, vividos en primeira persoa ou imaxinados tras ser escoitados por boca dos maiores. Aquelo que o antropólogo chantadino Alfredo Valín identificou como “Chantadinidade” e que o escritor Rafa Lobelle describe perfectamente:

Se non houbese Folión, ao fin, seríamos todas e todos algo menos orgullosos de ser de Chantada. Por iso nos chama cada ano a finais de Agosto, para lembrarnos esta cita obrigada e convencernos de que non temos porque escapar do que fomos. Celebremos, cantemos ao son do carro un himno de irmandade. Viva o Folión!. (6)

O que, en palabras do propio Ramón Rodríguez Porto, cando se refire ao actual Folión:

(…) segue sendo unha exhibición das nosas mais arraigadas enxebranzas nos seus variados aspectos, no que se reviven as manifestacións folklóricas e etnográficas de tódolos tempos do xeito mais fiel que nos permiten os datos. E se aparecen motivos non usados, quizais noutras épocas, tales como a emigración ou o paro, cómpre dicir que a mensaxe do Folión é vario e que, desgraciadamente, tamén a emigración e o paro forman parte da nosa anterga tradición. (7)

Por este motivo, o Folión de Carros é probablemente a festa mais gratificante e emocionante de cantas se celebran en Chantada. O seu valor e significado ten unha raíz tan fonda que son moitas as persoas que posuídas por unha embriagadora alegoría suben nos carros o dia do desfile, e moitas outras mais que colaboran dun xeito ou doutro co Folión. Para F. Javier Rodríguez Medela Campelo, presidente da Asociación Amigos do Folión entre 1989 e 2015, este é un valor fundamental:

Quixera destacar o compromiso dos veciños de Chantada, especialmente aos mais mozos polas súas inquedanzas e aos maiores pola súa especial sabiduría, que traballan incansablemente por manter vivos os nosos costumes e tradicións, e que nos fan sentir orgullosos do noso. (8)

En definitiva, o Folión de Carros de Chantada (como Folión que é) celébrase no contexto das festas patronais da vila, espertando un grande interese dende semanas antes, o que percibimos con facilidade cando paseamos pola vila. Como explica Alfredo Valín:

Un ano mais, chega o mes de Agosto en Chantada. Estamos en tempos de Folión. dende mediados de xullo, os carroceiros, que aínda non rematado o mes de setembro do ano anterior remoían nas imaxes da memoria colectiva da comarca, na busca de novos temas que representar, a estas alturas do ano xa o teñen decidido. (9)

e como recoñece perfectamente Mario Nogueira, gandeiro quirogués que leva anos participando no Folión coas súas xugadas, nunhas palabras escritas por el con moito sentimento e cunha última afirmación que invita á reflexión:

Chantada pode estar orgullosa do Folión. Eu sei o que representa para todos cantos participan nel; o Folión non sólo é o desfile, é o traballo de ano a ano, é a unión e a reunión de cada grupo, dia a dia, e cando remata un Folión xa van a outro (o seguinte ano empeza o dia seguinte). Non vos cansedes de petar nas portas de quen presume saber de cultura, inda que sexa triste porque eles debían ser quen petasen na vosa, non vos cansedes, estades facendo algo único, un ben cultural pra vós, pra Chantada, pra Galicia e pra o mundo enteiro. (10)

Fontes bibliográficas

(1) Antonio Costa Clavell, “Al paso del Folión”, en El regionalista: semanario de Chantada, Ano I,nº34, 19/08/1923, páx. 5
(2) Ánxel Gómez Montero, Chantada: corazón de Galicia, 1991, páxs.108-109
(3) Ramón Rodríguez Porto, “Viva o Folión”, en Folión de Carros, 2018, páx. 14
(4) Xavier Viana Álvarez, “A orixe do Folión”, en Folión de Carros, 2018, páx. 8
(5) Alfredo Pardo Hermida, “Folión de Carros de Chantada”, en Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo, 2017, min. 2´43´´
(6) Rafael Lobelle González, “Se non houbese Folión”, en Folión de Carros, 2018, páx. 20
(7) Ramón Rodríguez Porto, loc. cit.
(8) F. Javier Rodríguez Medela, “Que rápido pasa o tempo!”, en Folión de Carros, 2019, páx. 12
(9) Alfredo Valín Méndez, “Festa e cerimonia no Folión de Carros de Chantada”, en Folión de Carros, 2019, páx. 10
(10) Mario Nogueira, “Chegou agosto”, en Folión de Carros, 2019, páx. 34