Hórreo baleiro e carpinteiros cheos
Os carpinteiros de antano si que sabían. Igual facían un batuxo, que armaban unha artesa, escadraban un armario ou, como neste caso, erguían o hórreo daquelas casas que non podían nin soñar con facelo de pedra. Ao revés ca os fontaneiros, que antes estaban máis limitados e hoxe dominan o mundo. Sobre todo os metidos en política…
O que aquí vedes é o hórreo da casa dos Pastores de Porcarelle, así alcumados porque o avó andivera coas ovellas polo Faro moitos anos. Pero agora os netos xa tiñan outra ocupación velando polas fincas dun potentado residente na capital. Aínda que as leiras eran de fertilidade e Extensión Agraria daba sabios consellos, o millo non acababa de render como debera. Así qu e estes emprendedores pensaron que facendo o mellor hórreo posible, o cereal acabaría por multiplicarse para desfrutar de tan rexio sitio. Cada un coa súa idea…
Os guindastres de man non daban feito eses días. Subían a madeira de carballo, nogueira e castiñeiro para facer as vigas, paredes, portas e artesoado. E un tellado que tería que soportar o peso das tellas para que nin unha pinga entrara no cereal. Porque o avó, que aínda vivía, soltaba un sopramocos por cada gran que se perdía.
Como daquela non existía a Inspección de Traballo nin a Seguridade Laboral, o viño corría a esgalla pola obra para que ningún dos operarios quedara con sede. E debía de ser do bon, porque nin unha punta quedaba mal cravada nin unha táboa ía fora da liña.
Grande mérito e recoñecemento levaban os mestres manexadores das serras. Un traballo feito a man que deixaba as pezas axustadas de tal maneira que encaixaban como as berzas nos fuciños dos porcos agradecidos.
E todo era de proveito porque a casca e os refugallos da madeira ían para facer o lume co que cociñar a papatoria do día e as serraduras levábanse para estrar os cortellos. Hoxe, pagando a contribución e a licencia de obra, non hai nin a metade de organización…
Certo que este hórreo, cando quedaba baleiro, serviu para máis dunha noite de luxuria de namorados e para durmir a borracheira. Cousas, ambas, que se fan mellor a cuberto.
Moito traballaron os artistas da madeira. Pero, de tanto traballar, non cavilaron os carpinteiros que con tanto hórreo esqueceron como s e facían os carros do país. Así é que hoxe xa non se ven nas airas, nos camiños nin nas casas máis que de vetusto adorno. Só quedou este que aquí vedes e que agardamos que siga cantando outros mil anos…