Programa 2026

3 - 28 de Agosto

EXPOSICIÓN "ARTE PARA O FOLIÓN DE CARROS"

Do 3 ó 28 de Agosto, xa podedes visitar a exposición "Arte para o Folión de Carros" na Casa da Cultura de Chantada. Esta mostra recolle os 27 deseños creados por alumnado do IES Lama das Quenda para cartel anunciador do Folión de carros 2026. A importancia desta festa para Chantada demóstrase nesta exposición, na que mozas e mozos do concello expresan, a través da súa capacidade creativa, como ven e senten o Folión. Estes carteis, expostos xunto con maquetas dos carros gañadores nos últimos anos, permítenos establecer sinerxias entre a cultura tradicional e as formas de expresión artística contemporáneas.

8 - 28 de Agosto

EXPOSICIÓN EXTERIOR "ANIMAIS DE TIRO NO FOLIÓN DE CARROS"

Esta exposición, composta por 18 imaxes, é un recoñecemento ás xugadas de bois e vacas que tiran dos carros no Folión, polo seu esforzo, e tamén ás gandeiras e gandeiros que o fan posible. O seu protagonismo é incuestionable e a súa presenza é un dos pilares fundamentais desta festa tradicional. Todas as imaxes son de 2025, a excepción de tres, que son do ano 2000, 2017 e 2024. A exposición é exterior e pode visitarse desde o 8 ao 28 de agosto no entorno do Muiño da Alameda.

22 de Agosto

FOLIÓN DE CARROS

A partir das 23:00 os carros, tirados por xugadas de vacas ou bois, percorrerán a Avenida de Ourense, Rúa Mariano Cedrón, Avenida de Monforte e rematando na Praza de Galicia onde se sitúa o palco do xurado. Neles, as diferentes pandillas representan diferentes escenas ligadas coa cultura da comarca de Chantada: traballos agrícolas, oficios tradicionais, festas, romarías, feiras, etc...Abrirán o desfile a Agrupación Tradicional de Gaitas da Casa da Música de Chantada e a Banda de Gaitas do Concello de Chantada. Dende as 16:00 os carros estarán expostos na Avenida de Ourense, onde se poderá observar tanto a técnica construtiva utilizada como todos os obxectos e apeiros que con mimo foron colocados en cada un deles.

X FOLIADA CARROCEIRA

Comezará as 19:00 coa presentación dos grupos na Praza de Catro Camiños e despois continuará polas rúas da vila. Música e baile co grupo de gaitas "Os Barrios", Agrupación Tradicional da Casa da Música de Chantada, Banda de Gaitas do Concello de Chantada e Searas. En colaboración coa Diputación de Lugo a través do programa Tradigalu, actuarán tamén Dakidoasma.

XOGOS TRADICIONAIS

Na Praza dos Catro Camiños a partir das 18:30, en colaboración con Velaísca. Estes xogos forman parte da nosa cultura, conforman a nosa identidade e permiten que distintas xeracións compartan, xoguen e se divirtan xuntos. A maior parte deles foron elaborados por carpinteiros e ferreiros chantadinos. Encontraredes diferentes xogos como os Esquís de Parellas, os Aros, a Ra, a Chave ou os Birlos.

EXHIBICIÓN DAS XUGADAS PARTICIPANTES

As 22:30, na Avenida de Monforte, dará comenzo a exhibición e desfile das xugadas participantes, polo mesmo percorrido do Folión, pero en sentido contrario, rematando na Avda. de Ourense, lugar de saída dos carros. As parellas de vacas ou bois chegan desde distintos puntos do país e están especializadas e preparadas para este tipo de traballo.