A Panadería do Campo da Feira
As panaderías son os lugares onde se elabora e vende o pan, ademais de facer empanadas e diferentes tipos de doces como roscóns ou tartas de almendra. Foron moi apreciadas entre vilegos e labregos porque nelas se mercaba o prezado pan de trigo. Así que nas panaderías nunca faltou traballo nin bocado para levar á boca. É ben sabido que “cando a panadeira ten fariña para amasar, diñeiro non lle ha de faltar”.
Donas e cabaleiros: como vostedes poden ver, neste carro represéntase a Panadería do Quirrín, a do Campo da Feira, que lembrarán aberta ata ben entrada a década de 1970. O primeiro que se observa é o mostrador, atendido por Carmucha, herdeira xunto co seu home Gilberto da panadería aberta polos seus pais Manolo e Manuela no 1947. Por riba do mostrador están varias empanadas de carne feitas por encarga, e nos estantes traseiros recoñecerán os chuscos, as barras e as pezas de medio quilo, quilo, quilo e medio e dous quilos, hoxe abundantes por ser dia de feira. É dia 21! e agosto en Chantada.
Deseguido poden vostedes comprobar a faena no forno. Dous homes preparan a masa a mao no interior da artesa, quen sabe se o Longinos, o Cotobade, o Ángel, o Cleto, o Luis, o Antonio ou calquera outro traballador infatigable dos que soportaron as longas xornadas na panadería, como facía o Pepe Lage nos primeiros anos do negocio. Sobre a fariña peneirada verten auga morna, sal e o lévedo disposto na tarde anterior, que ben tapadiño medrou durante a noite. Dicíase que “pan mal amasado non pide bocado”, así que contemplen o afán que lle poñen ao seu quefacer.
Á súa beira, na mesa, están Manolo da Costaña e a súa dona Elisa, collendo anacos da masa, xa repousada, para pesar na báscula: quilo e medio, quilo e medio, quilo e medio… e acomodar na tea branca. Fíxense na técnica da Elisa! Coloca a peza, dobra lixeiramente a tea, coloca outra peza, dobra novamente, coloca, dobra, evitando así que a masa se pegue a unha á outra. Cando remate deixará que repousen durante algo mais de media hora, e prestas para enfornar!
Ao mesmo tempo, están vostedes a presenciar como Gilberto retira co rodo a cinsa e os restos da leña utilizada para quentar o forno, deixando o lar disposto para meter as pezas unha a unha coa pá. Este é un pan feito con mimo! coa maxia do bon facer e con igual dedicación en cada fornada do dia: tres de pan trigo e unha de pan centeo.
Xa chegados á parte final, recoñecerán a Ana e Margot axudando coa preparación do gran para levar aos muíños de Tarrío. Se examinan a tarefa con detemento decataranse que a súa selección consiste en retirar as pedriñas e os grans negros, o que resulta ser unha labor pesada pero imprescindible para conseguir unha mellor fariña. Ademais, como é dia de feira, Ana e Margot teñen que atender os clientes que chegan coa súa fariña de centeo, que trocan por pan. Darredor delas están a contemplar, por último, ao pequeno Gil mirando como Antonio “O Berzas” descarga o combustible para o forno: leña de uz e carballo que trouxo no seu carro dende Pereira.
Donas e cabaleiros: este é o noso respecto polos tempos d´antes. As autoras daquel pan poden admiralas, mañá mesmo se o desexan, nunha imaxe para a historia tomada na entrada do Campo da Feira que se encontra exposta nos Pendellos, na que están a Carmucha, coa súa nai Manuela, a súa cuñada Lela e a Pachola, todas elas co seu inseparable sorriso. E se vostedes viñeron de San Fiz ou Adá ou Esperante ou Diomondi quizais aínda lembren a Gilberto e o seu fillo José Manuel facendo o reparto na súa furgoneta DKW con matrícula LU-26619.
Adiante a Panadería do Campo da Feira!